Jesús Encinar amosa en Vigo o amplo potencial da Rede para os negocios

venres, 1 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Relatores e público asistente á nova edición do Congreso de AJE Galicia

A cuarta edición do Congreso Internacional AJE Galicia que se está a celebrar en Vigo comezou facendo ruído (no bo sentido da expresión): con 350 empresarios, directivos e profesionais de toda España e Portugal e con relatores de primeira liña no ámbito da comunicación e os negocios dixitais, é o caso de Emilio Duró (experto en intelixencia emocional aplicada á produtividade) ou Jesús Encinar (responsábel de Idealista.com), que compartiron no Centro Social de Novacaixagalicia unhas cantas claves de valor no camiño da competitividade e o aproveitamento eficaz das novas ferramentas dixitais e sociais. De feito, segundo apunta a organización do Congreso, o fío condutor do evento está a ser “o optimismo para levar adiante unha idea de negocio”.
Por este vieiro tamén se moveu Patricia García, presidenta de AJE Galicia, que no acto de apertura das sesións convidou aos participantes e á sociedade galega por enteiro a loitar directamente en contra da crise, sendo unha boa maneira de facelo sacar adiante proxectos empresariais que xeren emprego e riqueza.
Volvendo aos relatores estrela da xornada, dicir que Jesús Encinar, responsábel da posta en marcha do portal inmobiliario www.idealista.com, tivo tempo de facer un percorrido pola xénese e o desenvolvemento desta web, hoxe en día situada nos primeiros postos do sector inmobiliario pero que, segundo contou, requiriu grandes esforzos para acadar este punto. Máis en detalle do 80% do seu tempo diario durante os primeiros dous anos de vida do proxecto. Con todo, non quixo desanimar a ninguén. Iso si, quixo deixar claro que refuxiarse na axuda financeira de entidades bancarias non é o mellor comezo posíbel. Ao seu xuízo, para trunfar no eido empresarial hai que “facer tolemias ás veces”, e facer cousas diferentes respecto a cómo as fai o resto dos competidores. “
Hai dez anos”, proseguiu, “era impensábel que empresas por Internet gañaran cartos e, malia todo, hoxe en día é onde está o meirande potencial; nos negocios o importante non é ter a ambición de acadar algo grande, senón de facer ben o que se vaia facer”. Na súa opinión, os novos emprendedores deben tirar proveito das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, que non só fan doada a globalización dos negocios, sen límites de tipo xeográfico, senón que tamén permitiron abaratar moitos dos custes iniciais que antes facían case imposible a creación dunha empresa.
A primeira xornada do congreso, que prosegue este venres, contou tamén coa presenza de Emilio Duró, abandeirado da teoría que liga o optimismo coa produtividade, que tirou proveito da súa estadía en Vigo para animar a vivir os negocios coa mesma ilusión e paixón que poñemos noutras actividades da vida, aconsellándolles aos emprendedores que non perdan de vista cal debe ser o seu obxectivo: facer o que lles gusta.

PUBLICIDADE