Javier Rocamora mostrará ao empresariado de Boiro como situarse na vangarda tecnolóxica

luns, 2 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Este mes de marzo prosegue a intensa actividade de divulgación innovadora da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), que se traduce en charlas, relatorios e xornadas sobre os recursos dos que pode botar man o tecido produtivo local para poñerse na vangarda tecnolóxica aplicada aos negocios. No marco do seu plan de formación, a ABE celebra os días 10, 11 e 12 de marzo un obradoiro de mercadotecnia dixital (e-marketing) de 15 horas. Segundo informa a ABE, a actividade será “novidosa” tanto no contido como no formato, entre outras cousas porque remata cun xantar de networking no Viveiro empresarial de Espiñeira.
O obradoiro terá 15 horas de formación repartidas en 3 días. O seu obxectivo é “facilitar novos métodos de marketing ás empresas, buscando xeitos de visualizalas mellor nas canles de comunicación e promoción e contribuír a optimizar a comercialización dos negocios”.
En termos máis concretos, os obxectivos son elaborar un plan de comunicación da marca persoal ou empresarial a través dun sitio web e de redes sociais, partindo dunha estratexia de elaboración de contidos; comprender o lugar que ocupan as redes sociais dentro da engrenaxe do noso negocio; entender a utilidade das redes sociais e como encaixan dentro da nosa actividade empresarial; entender a necesidade ou non de ter un comunity manager e as diferentes opcións dispoñíbeis; e coñecer outras redes sociais máis alá de Facebook, Instagram e Twitter.
Segundo explica a ABE sobre as cuestións a tratar na actividade formativa, esta diríxese a facilitar a adaptación das entidades económicas a novo estado de cousas da era dixital: “As empresas deben aproveitar o conxunto de estratexias, ferramentas, técnicas e operacións que a mercadotecnia dixital ofrece e máis as coordinadas que, a través de Internet, buscan aumentar as vendas dun produto ou servizo”. Tamén é preciso achegalas ás ferramentas máis acaídas para manter clientes no tempo, captar novos usuarios e xerar visibilidade e recoñecemento de marca.
O relator da xornada
A persoa encargada de impartir estes contidos será o experto en ecommerce e redes sociais Javier Rocamora, profesional das novas vertentes da xestión comercial, amais de consultor autónomo e formador especializado neste campo en concreto. Rocamora publica de xeito regular artigos en Marketing For eCommerce, unha das publicacións online de referencia a nivel nacional en comercio electrónico. Entre seus proxectos máis destacados figuran a redacción de contidos no proxecto Vendes en Internet? da entidade estatal Red.es, o deseño e implantación da estratexia dixital a nivel europeo da multinacional islandesa Saeplast, a xestión da campaña estival na Rede de 2017 para Turismo de Galicia e o Camiño de Santiago ou a súa participación en proxectos para Telefónica, Applus, Carrefour, Media Markt, Grupo Vegalsa-Eroski, Pescanova, Elogia Media, BAP Conde, Roi Scroll e un longo etcétera.
Formato innovador
Ao remate do obradoiro, a ABE celebrará o xoves 12 unha comida networking cortesía do Obradoiro de Hostalería do Concello de Boiro nas instalacións onde se desenvolve o mesmo, que é o Viveiro de Empresas situado no Polígono de Espiñeira. Asistirán á comida os 20 alumnos do curso, o docente, a directiva da ABE así como representantes da cámara de comercio de Santiago (colaboradores nesta acción formativa) e o alcalde de Boiro. O xantar servirá para afianzar os conceptos aprendidos no taller así “como para achegar ao empresariado boirense ao día a día do Viveiro, que nestes intres comeza a ter unha ampla actividade formativa”, sinalan dende a organización da xornada.


PUBLICIDADE