Jalipo: novo servizo de vídeo e televisión encamiñado (unha vez máis) a competir con YouTube

luns, 16 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Tense falado moias veces do xurdimento de competidores de YouTube, e de que este servizo de vídeos tiña os días contados por mor das moitas denuncias amoreadas por suposta violación dos dereitos de autor de todo tipo de contidos audiovisuais. A morte de YouTube foi adiantada por milleiros de xornalistas de todo o mundo dende que se puxo en marcha, mais é ben posible que ós responsables do servizo (os directivos do buscador Google) lles traia sen coidado todo o que se conta, tan afeitos están a que lles poñan un obituario laboral na porta da oficina.
Esta semana, como case tódalas semanas, hai novas informacións ó respecto. Segundo informa Reuters, unha potente alianza de grupos de comunicación de todo o mundo (na que está BBC World e Al Yazira en inglés) vén de pór en marcha unha nova rede de distribución de contidos audiovisuais encamiñada a facerlle a competencia a YouTube. O servizo ten (por certo) un nome certamente desagradable: Jalipo.
O seu presidente é o ex dirixente de Sony en Europa, Chris Deering, e o proxecto nace incluíndo un servizo de pago por visión con tarxeta de crédito para os internautas que desexen ver vídeos baixo demanda. O certo é que é moi probable que este novo servizo non entre tampouco en confrontación directa con YouTube, posto que é de pago, aposta pola alta calidade de imaxe e son e achega contidos subministrados pola industria de xeito directo, non polos usuarios. A idea é respectar ó máximo os dereitos de autor das pezas audiovisuais.
A confrontación, de darse, será máis indirecta e, certamente máis sutil. De feito, é moi posible que consista nunha nova morea de denuncias por parte da gran industria, que, de preferir, preferirá a Jalipo (onde haberá beneficios directos e máis control) cá YouTube.

PUBLICIDADE