Iuristicgal19 mostra os logros e os retos dunha xustiza en proceso de transformación

mércores, 23 de outubro do 2019 Redacción

A Cidade da Cultura acolle hoxe a novena Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, que celebra o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa axencia AMTEGA. Desta volta, desenvólvese baixo o lema Intelixencia Artificial e Xustiza. Están a intervir, entre outros, Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, e Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro Dereito dos robots. A inauguración veu da man (ás 10.00 horas) da directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Na apertura das actividades, a directora da axencia autonómica sinalou que a futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 galega, «actualmente en fase de elaboración», fará foco «nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía». Para Pereira, outro dos obxectivos para a vindeira década será «o de buscar solucións para diminuír a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas»; ao que cómpre engadir o impulso ao emprendemento tecnolóxico.
Respecto da dixitalización da Xustiza galega, a titular de AMTEGA debullou os esforzos levados a cabo na última década para sentar os alicerces dunha transformación tecnolóxica que capacitase á Comunidade «para afrontar os retos do novo decenio que estamos a piques de iniciar». No ámbito xudicial, explicou, «Galicia leva desenvolvendo, desde 2009, un proceso de transformación dixital que se atopa nun camiño de consolidación con todas as pezas do expediente xudicial electrónico en marcha e que está a facilitar aos profesionais do ámbito xudicial as ferramentas necesarias para unha xustiza do século XXI como sistemas e dispositivos para que xuíces e fiscais poidan desenvolver o seu traballo en mobilidade; salas de vistas integramente dixitais; declaracións a través de videoconferencia que evitan desprazamentos e as primeiras demandas online».

Máis sobre Iuristicgal19

Moisés Barrio na súa intervención desta mañá

Na sesión de hoxe, condensada en horario de mañá, estanse a dar cita máis dun cento de participantes, maioritariamente profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e peritos informáticos, co obxectivo de coñecer o alcance e as posibilidades da intelixencia artificial aplicada ao ámbito da xustiza.
Neste contexto, Moisés Barrio presentará o relatorio A intelixencia artificial ante o Dereito e Eloy Velasco intervirá sobre Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro. Segundo informa o CPETIG, o programa da xornada completarase cunha mesa redonda sobre As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos, moderada por Víctor Salgado, director técnico de Iuristicgal19.

PUBLICIDADE