Italia loita contra a piratería audiovisual bloqueando o acceso a 124 páxinas web

luns, 26 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

En España non nos resultan descoñecidas as pouco efectivas accións da industria audiovisual contra plataformas como Rojadirecta, pero en Italia a situación parece ser bastante diferente, e están a ser moi agresivos para evitar o streaming de actividades deportivas e, tras unha denuncia da plataforma de televisión por satélite SKY Italia na que daban conta de máis de 120 páxinas web que facilitaban o acceso a retrasmisións de eventos deportivos, concertos, música, películas e series de televisión sen autorización emprendeuse a impresionante Operación Match Off.
Nas investigacións realizadas pola Unidade Especial de Fraude Telemático da Guardia di Finanza analizaron os espazos denunciados, centrándose especialmente no streaming de eventos en vivo e contidos baixo demanda, e ante o feito de que estas páxinas web operaban dende fóra de Italia, optaron por bloquear o seu acceso dende dentro do país a través dunha orde xudicial para que os IPS italianos non bloqueen o acceso a 124 páxinas web das que non deron a coñecer a relación completa, pero que sería o meirande bloqueo ordenado até o momento.
A Guardia di Finanza destaca que as páxinas bloqueadas incluían publicidade moi agresiva e empregaba técnicas para conseguir clics fraudulentos, atopándose entre os anuncios os de marcas recoñecidas, o que iría en contra dun acordo pechado coa industria publicitaria o pasado verán en Italia para loitar contra a piratería (estrangulando a súa principal fonte de financiamento) o que levará ás autoridades a investigar ás axencias publicitarias que non están a respectar actualmente o acordo.

PUBLICIDADE