Isabel Rodríguez revisa xunto a Adamo os efectos da dixitalización na provincia de Lugo

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

Na mañá deste xoves 9 de marzo a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, acudía ao Concello de Carballedo (comarca de Chantada) para reunirse co alcalde Julio Yebra-Pimentel, e co responsábel da empresa de telecomunicacións Adamo en Galicia, David Llano, para comprobar de primeira man como os plans promovidos polo Goberno para a instalación de banda larga seguen avanzando na provincia.
Trátase do Programa PEBA e Único, co que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital achegará a conexión ultrarrápida a Internet en todo o territorio de Carballedo, permitindo que os máis de 2.000 veciños e veciñas que viven e traballan no municipio poidan contar coa cobertura de banda larga, levando esta conexión a máis de 530 zonas que a día de hoxe non contan con esta tecnoloxía.
Deste xeito, co Plan PEBA, a empresa Adamo xa levou a fibra óptica a vivendas situadas en 35 concellos da provincia e nos vindeiros meses ten previsto realizar obras para despregar Internet ultrarrápida en máis municipios. Asemade, co Programa ÚNICO do Goberno, chegarán a 33.000 fogares novos para sumar máis de 100.000 inmóbeis conectados á rede de alta velocidade na provincia. Neste senso, a subdelegada defendeu “o papel da colaboración público-privada para impulsar un cambio de paradigma que permita unha transición dixital plena en Lugo”. Engadiu Isabel Rodríguez que “a previsión é que para o ano 2025 o 100% da poboación poderá ter acceso a unhas comunicacións rápidas e de calidade, cunha velocidade mínima de 100 Mbps, loitando deste xeito contra o despoboamento rural e contra fenda dixital que afecta a estas zonas”.
No dito encontro deste xoves, a subdelegada adiantou que o Goberno prevé lanzar o Programa Único-Demanda Rural co que todas as empresas e fogares que non dispoñan de fibra óptica poderán contratar un servizo de banda larga de Internet a través do satélite Hispasat por 35 euros ao mes, incluíndo os gastos de instalación. Trátase dun programa ponte até que se culmine o plan do Executivo central de levar a fibra óptica a todo o país en 2025.

PUBLICIDADE