Isabel Rodríguez fai entrega de carnés de Ciberexperto ao alumnado do CEIP Manuel Mallo de Nadela

martes, 23 de xaneiro do 2024 S. P.

Adquirir coñecementos en materia de educación no ámbito tecnolóxico é o requisito imprescindíbel para facerse cun carné de Ciberexperto, así sinalaba este martes 23 de xaneiro a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na súa visita ao CEIP Manuel Mallo Mallo, en Nadela, para colaborar xunto coa Policía Nacional na entrega destes carnés de especialistas dixitais a escolares da provincia.
A subdelegada agradeceu aos colexios o interese posto en solicitar estas actividades pertencentes ao Plan Director. Isabel Rodríguez, acompañada do comisario provincial xefe, Luis Romera, o formador do Plan Director da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, María Teresa de Juan Lerma, levaban a cabo a entrega de 19 carnés a nenos e nenas de 6º de primaria.
A subdelegada do Goberno salientou que “con este programa, os alumnos e alumnas da provincia estarán máis preparados para facer fronte aos riscos de Internet e saberán como proceder e actuar ante unha ameaza na Rede.
Esta actividade forma parte do Plan Director da Policía Nacional, que serve como ferramenta educativa para o ámbito escolar. Con este colexio, xa son 70 alumnos e alumnas de toda a provincia os que recibiron o seu carné de Ciberexperto neste curso 2023/2024. A previsión é que este ano se supere a cifra do curso pasado, pasando a entregar máis de 340 carnés nos colexios de toda a provincia.

PUBLICIDADE