Isabel Rodríguez di en Monforte que o Kit Dixital xa inxectou 4,8 millóns a empresas da provincia

mércores, 26 de outubro do 2022 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, estivo este 26 de outubro en Monforte, onde avaliou, na compaña do alcalde José Tomé e dos empresarios locais, as posibilidades de transformación, competitividade e innovación que ofrece no concello e na provincia o programa Kit Dixital. Segundo fixo saber Rodríguez, máis de 400 pequenas empresas da provincia, o 60% do total, de entre 10 e 49 traballadores, xa solicitaron o bono de 12.000 euros do Kit Dixital para transformar os seus negocios.
“Son un total de 4,8 millóns de euros os que o Goberno leva inxectado na provincia a través deste programa de axudas para transformar o noso tecido produtivo e facelo máis competitivo”, destacou Rodríguez.
A subdelegada, acompañada de José Tomé, puxo en valor estes datos nunha reunión con empresarios do municipio para informarlles sobre o Kit Dixital e animalos a solicitar os bonos do Goberno. “Son unhas cifras que valoramos moi positivamente porque as axudas están a chegar ás pemes e autónomos lucenses cando máis o necesitan, demostrando a boa acollida deste plan do Executivo central”, sinalou Rodríguez, engadindo que o “o obxectivo é seguir transformando dixitalmente ao maior número de empresas pequenas da provincia, fomentando novas oportunidades de expansión”. A subdelegada lembrou tamén que o Goberno destina un orzamento de 3.067 millóns de euros dos fondos Next Generation para dixitalizar a preto dun millón de pemes e persoas autónomas en todo o territorio nacional os vindeiros tres anos.
Isabel Rodríguez explicou que estas subvencións do Goberno teñen como finalidade avanzar na dixitalización de áreas clave como presencia en Internet, deseño da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores, oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de procesos e ciberseguridade.
3 liñas de axudas do Kit Dixital
Tal e como explicou Rodríguez, o Goberno ten abertas as 3 convocatorias do programa de dixitalización. Por unha banda, está a liña do segmento I, a dirixida as empresas de entre 10 e 49 empregados (cun bono de 12.000 euros que se pode solicitar até o 15 de marzo). Pola outra, sinalou que o prazo para as empresas do segmento II (de 3 a 9 empregados) está aberto desde o pasado 2 de setembro durante doce meses. Estas micropemes teñen acceso a un bono de dixitalización de 6.000 euros. Por último, o programa complétase cunha terceira convocatoria para negocios de menos de tres empregados e autónomos (segmento III), que poden solicitar un bono de 2.000 euros ata o 20 de outubro de 2023.

PUBLICIDADE