Isabel Rodríguez celebra o bo ritmo dos traballos para levar a banda larga a máis de 80.000 fogares de Lugo

mércores, 10 de abril do 2024 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou este 10 de abril o impulso do Goberno para avanzar na conectividade dixital ultrarrápida da provincia de Lugo, para o que leva investido nas últimas convocatorias 27,1 millóns de euros. Realizou unha reunión de seguimento co responsábel no territorio da empresa adxudicataria Adamo, David Llano, na que fixeron unha valoración do desenvolvemento do programa.
Segundo fixo saber Rodríguez, “entre as tres convocatorias do plan, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital fará posíbel que se estenda a fibra óptica a máis de 80.000 fogares e empresas, garantindo a cobertura de acceso a Internet a máis de 300.000 lucenses”.
Isabel Rodríguez celebrou “o bo ritmo das instalacións de fibra na comarca da Mariña, con concellos que xa contan con esta conexión en todo o seu termo municipal”. Ademais, agradeceu “todo o esforzo que se está a realizar para cubrir zonas con moita dispersión poboacional”.
O Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión está financiado polo Plan de Recuperación do Goberno, e destina a Galicia preto de 91 millóns de euros nunha clara aposta polo reequilibrio territorial, a mellora da calidade de vida das persoas que viven nas zonas rurais, o aumento da competitividade e a redución da fenda dixital.

PUBLICIDADE