Investigadores europeos cualifican de exemplar o esforzo de Mancomun.org

venres, 30 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Unha delegación do centro de Maastricht nun congreso recente.

A iniciativa galega Mancomun.org está a espertar interese alén da nosa terra. A plataforma, na que traballan a Consellería de Innovación e máis os grupos galegos de deseñadores e usuarios de software libre (co fin de promover, desenvolver e difundir este tipo de programación), está sendo -arestora e polo miúdo- esculcada polo grupo de investigadores do centro tecnolóxico UNU-MERIT de Maastricht (Holanda).
Este equipo de profesionais, quen xa cualificou o traballo do centro galego como “esforzo exemplar” a prol da implantación do software libre no eido da Unión Europea, vai deixar reflectido xa o seu interese -por escrito- nun informe sobre o desenvolvido até o de agora por Mancomun.org e que será incorporado en breve ao OSOR do IDABC.
Dito doutra maneira: a investigación pormenorizada sobre o dito centro galego ficará a disposición da comunidade internauta no espazo en liña que as institucións públicas europeas teñen habilitado para difundir os seus proxectos en materia de programación aberta.
Segundo informa a propia plataforma galega, o estudo inclúe un percorrido pola aínda breve historia de Mancomun.org, unha entrevista ó seu coordinador (Suso Baleato) amais da achega de outros representantes do software libre en Galiza.
Sobre UNU-MERIT
UNU-MERIT é un centro de investigación e desenvolvemento participado conxuntamente pola Universidade das Nacións Unidas (UNU) e a Universidade de Maastricht (Holanda). O centro foi creado a comezos do ano 2006 coa fusión do antigo UNU- Instituto de Novas Tecnoloxías (INTECH) en Maastricht e o Instituto Maastricht de Investigación Económica, Innovación e Tecnoloxía (MERIT) da Universidade de Maastricht.
O UNU-MERIT ten como obxectivo proporcionar unha perspectiva, o máis real posible, entorno aos factores sociais, políticos e económicos que conducen cara ao cambio tecnolóxicos e á innovación. Os proxectos de investigación do Centro están orientados a dar resposta a unha amplía gama de cuestións vinculadas ás políticas nacionais e internacionais en materia de ciencia, tecnoloxía e innovación, repercutindo fundamentalmente na creación, difusión e acceso ao coñecemento.

PUBLICIDADE