Investigadores en TIC e formación unen forzas para habilitar unha rede galega de e-learning

martes, 23 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo ten estes días novidades no que a busca de novos xeitos de formármonos, fóra dos xeitos tradicionais, se refire. Falamos do desenvolvemento dunha rede galega de ensino a distancia, e-learning, apoiada nas máis innovadoras ferramentas tecnolóxicas e da comunicación e cuxa posta en marcha están a preparar a día de hoxe tecnólogos e pedagogos procedentes de frontes diversas coordinados polo grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo. TELGalicia, así se chama esta rede, xorde co punto de mira posto directamente nas experiencias positivas extraidas do Proxecto Abalar, iniciativa autonómica para acadar a dixitalización das nosas aulas. A idea é reforzar o traballo feito en Abalar en equipamento de recursos achegando ideas, boas prácticas e ferramentas de calidade.
O traballo da nova rede de investigación acaeralle ao contexto galego, adaptada de xeito específico á nosa realidade educativa. Agrupa a profesionais e grupos de I+D do Sistema Universitario Galego e máis do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que traballan no desenvolvemento das novas tecnoloxías aplicadas ao ensino e á aprendizaxe. “O obxectivo”, sinalan estes grupos de I+D, “é contribuír a mellorar o ensino e a aprendizaxe a través da innovación ou, dito doutro xeito, aprender a sacarlle o máximo partido a múltiples tecnoloxías que xa están presentes en moitas aulas e que van dende os taboleiros dixitais, ata as tablets e smartphones”.
A rede celebrou este luns un primeiro encontro de traballo no que participaron de forma presencial os representantes dos seis grupos do SUG participantes -tres da Universidade de Vigo e tres da Universidade de Santiago de Compostela-, xunto con representantes do Grupo de e-learning do CESGA que o fixo por videoconferencia.
Segundo fan saber, para pór en marcha a iniciativa recibiron xa unha axuda de 120.000 euros con cargo ao programa de consolidación de unidades de investigación competitiva da Xunta na modalidade de redes de investigación.

PUBLICIDADE