Investigadores do CITIC introducen ao noso alumnado na computación cuántica

martes, 17 de abril do 2018 Redacción

Investigadores da área de Arquitectura de Computadores, Sensórica e Comunicacións do CITIC, en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) organizan hoxe unha interesante actividade formativa sobre as posibilidades que se abren coa confluencia entre a informática cuántica e as novas tendencias en intelixencia artificial e Machine Learning (máquinas con capacidade de aprender conceptos e tomar decisións). O curso Introdución á programación en Computación Cuántica ten como obxectivo presentar os conceptos básicos da programación dos computadores cuánticos empregando ferramentas gráficas e Python.
A actividade está dirixida tanto a investigadores do CITIC e da Facultade de Informática, como a estudantes da FIC, poñendo o foco en estudantes matriculadas/os nos dous últimos cursos de grao ou másteres. O curso celébrase como dixemos este 17 de abril a partir das 10 horas e estará impartido polo responsábel do departamento de Aplicacións e Proxectos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Andrés Gómez. Doutor en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago, Gómez conta con máis de 25 anos de experiencia no sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e é autor de máis de 60 publicacións científicas. A día de hoxe adica parte da súa actividade ás tecnoloxías de Machine Learning e de computación cuántica, sobre todo aplicadas ás áreas científicas e industriais.

PUBLICIDADE