Investigadores do CITIC e do IIM-CSIC axudan a desmontar unha teoría sobre células nai e progresión tumoral

martes, 29 de outubro do 2019 Redacción

O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Vázquez Cendón, xunto cos investigadores do Instituto de Investigaciones Marinas (IMM)-CSIC de Vigo, Manuel Pájaro, Irene Otero e Antonio A. Alonso, veñen de desmontar co seu traballo conxunto unha teoría asumida ata o momento sobre os procesos de decisión celular, relacionados coa utilidade das células nai e a progresión tumoral. Os resultados acadados polo equipo multidisciplinar de investigadores galegos foron publicados na revista científica Nature Communications.
Segundo fan saber, a súa investigación cambia a forma na que se viñan interpretando os resultados experimentais nos procesos de decisión celular (cuxo funcionamento vén sendo unha cuestión fundamental no eido da bioloxía), e que permite cuantificar a relación entre ruído molecular e o grao de reversibilidade ou irreversibilidade da decisión celular. Neste punto, as técnicas levadas a cabo polo grupo galego de investigadores explica a aparente contradición entre teoría e evidencia experimental, o cal ten importantes implicacións a nivel teórico e práctico.
Para acadar o fito foi necesario o desenvolvemento de modelos matemáticos baseados en ecuacións diferenciais e a súa simulación numérica, que proporciona novas interpretacións dos procesos de diferenciación celular.
Os procesos de decisión celular son aqueles mediante os cales as células responden a estímulos e sinais procedentes do seu arredor cambiando de fenotipo, e polo tanto “deciden” cal é o axeitado a cada situación. Os procesos de decisión celular están involucrados en funcións imprescindíbeis nos seres vivos como a división celular, e aparecen relacionadas tamén con estados patolóxicos.

PUBLICIDADE