Investigadores desvelan que a información flúe nas redes sociais máis devagar do que se cría

luns, 7 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

A información nas redes sociais, agás nalgunhas excepcións, non se comporta tal e como criamos: coma un andazo máis ou menos descontrolado e a través de lapsos moi breves de tempo (como moito, unha xornada enteira para que un dato concreto se espalle na totalidade das redes sociais). Máis ben o contrario: a súa propagación soe darse devagar e está moi suxeita ás particularidades dos internautas, a fin de contas un mundo coas súas moitas heteroxeneidades que non se comporta sempre coma un ente único. Segundo un estudo desenvolvido por un grupo de investigadores da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) que centra o seu traballo en avaliar os variados efectos da información que flúe nos internautas, hai dúas grandes velocidades debido á actividade dos propios usuarios da Rede.
A investigación, feita sobre a base dun experimento real de IBM para examinar a idoneidade das redes sociais como lanzadeira de información comercial, sinala que os que se responden con máis celeridade son precisamente os internautas que máis tempo da súa vida entregan ao acceso á Sociedade da Información. Son por así dicilo os usuarios-ponte, os que están sempre nos servizos de mensaxeiría cando te conectas e, sobre todo, os grandes responsables de que determinados ruxerruxes se estendan coma o lume pola Internet. Na imaxe, unha das gráficas que acompaña o informe.
O seu cometido, conscientemente ou non, é o de redirixir rapidamente a información que é de por si interesante: eles teñen a capacidade de detectala, separar o gran da palla e espalla rapidamente en cuestión de horas, malia que o tempo de resposta é dun día. Con todo, isto ocorre deste xeito única e exclusivamente cando os datos que se manexan teñen o seu interese, ou sexa, unha miúda parte das veces. Así, cando a información non ten apenas relevancia, case sempre, a difusión ralentízase porque está controlada por aquelas persoas que tardan moito en responder, “o que provoca que algúns ruxerruxes ou informacións fiquen en latencia nas redes sociais moito tempo despois do seu lanzamento”, sinalan os responsables do estudo.

PUBLICIDADE