Investigadores de AtlantTIC e Gradiant obteñen importantes recoñecementos no congreso de ciberseguridade JNIC

xoves, 24 de xuño do 2021 S. P.

As Jornadas Nacionales de Investigación en Ciberseguridade (JNIC), referentes estatais no ámbito da ciberseguridade, foron especialmente propicias para a UVigo. No evento, organizado pola Universidad de Castilla-La Mancha en colaboración co INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade), os investigadores do centro AtlantTIC da Universidade de Vigo acadaron dous premios por dous artigos presentados.
Por unha banda, o xurado outorgou o galardón ao mellor traballo xa publicado ao artigo A review of Camera Attribution Forensic Analyzer in the Encrypted Domain, asinado polos investigadores do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións Alberto Pedrouzo-Ulloa, Miguel Masciopinto e Fernando Pérez-González en colaboración con Juan R. Troncoso Pastoriza, da Escola Politécnica Federal de Laussane (Suíza).
A súa proposta foi seleccionada como a mellor entre 30 traballos presentados nesta categoría. No artigo, os enxeñeiros describen un sistema para resolver o problema de atribución de cámara, pero preservando a privacidade da información en todo momento. Este procesado seguro conséguese grazas a que os sinais involucrados están cifrados durante todo o proceso de computación, “polo que a solución proposta permite coñecer dende que cámara determinada se sacou unha imaxe e, á súa vez, evita comprometer a seguridade da información involucrada”, informou a UVigo, engadindo que “aínda que o problema de atribución de cámara é xa coñecido, era a primeira vez que se resolvía traballando con sinais cifrados”.
O segundo galardón do congreso que vén para a UVigo é o premio ao mellor artigo curto, polo traballo Homomorphic SVM Inference for Fraud Detection, asinado por Adrián Vázquez-Saavedra, Gonzalo Jiménez-Balsa e Jaime Loureiro-Acuña do Centro Tecnolóxico Gradiant, e Manuel Fernández-Veiga e Alberto Pedrouzo-Ulloa de AtlantTIC. Este artigo está baseado no traballo fin de mestrado de Adrián Vázquez-Saavedra, coordinado polo profesor Manuel Fernández-Veiga e defendido no marco do Mestrado Interuniversitario en Ciberseguridade MUniCS. O traballo presenta un prototipo que permite externalizar de forma segura un servizo de detección de fraude empregando esquemas de criptografía homomórfica, que permiten traballar directamente coa información en cifrado.

PUBLICIDADE