Investigadores da UVigo e a USC desenvolven unha app que permite avaliar a motricidade da rapazada
mércores, 23 de marzo do 2022
O
Campus de Pontevedra compartiu detalles unha aplicación desenvolvida
por investigadores da UVigo e a USC que permite avaliar a motricidade
das nenas e nenos e detectar posíbeis problemas de desenvolvemento e
mobilidade. Trátase
de Alfamov e ten capacidade para saber se as crianzas de Primaria
desenvolven correctamente as chamadas habilidades motrices básicas,
como correr, saltar, agarrar ou lanzar, así como detectar en que
aspectos concretos ou seu grao de desenvolvemento se sitúa por
debaixo do acorde á súa idade.
Segundo
informa o Campus, a ferramenta é “o resultado final dun proxecto
de investigación seleccionado na convocatoria Retos, do Ministerio
de Ciencia e Innovación, que pon o foco na alfabetización motriz
dos nenos e nenas. “Un desenvolvemento non adecuado destas
habilidades motrices relaciónase xeralmente con baixos niveis de
actividade física e altos niveis de obesidade e sobrepeso”,
salienta o investigador do grupo Remoss Ezequiel Rey, responsábel,
xunto co profesor da USC Cristian Abelairas, do proxecto que deu
lugar a esta aplicación.
De
balde e dispoñíbel para iOS e Android
A
través desta ferramenta, gratuíta
e dispoñíbel para os sistemas operativos iOS e Android, búscase
que tanto o profesorado de Educación Física como outra serie de
profesionais relacionados coa nenez poidan avaliar “dunha forma
fiable e áxil” o correcto desenvolvemento desas habilidades, así
como “coñecer cales son os problemas concretos” que neste eido
pode presentar un neno ou nena, explica Rey.
Contribuír,
a través desta app, ao axeitado desenvolvemento da rapazada
constituía o obxectivo central do proxecto Alfabetización motriz
y estilos de vida saludables. Desarrollo de una herramienta
informática de la competencia motriz en niños y niñas en educación
primaria, no que, xunto a Rey e Abelairas, participaron os
integrantes do grupo Remoss Roberto Barcala e Cristina Varela e os
investigadores e investigadoras da USC Carmen Neiro e Aida Carballo,
do grupo Clinirsud, e José Eugenio Fernández, do grupo Esculca.
Coa
idea de que poida empregarse “dun xeito moi áxil nun contexto
escolar”, sen necesidade de instrumentos específicos para realizar
as medicións, Alfamov baséase na gravación en vídeo da
realización dunha serie de tarefas dirixidas a constatar o grao de
madurez destas habilidades. Estes vídeos, explica Rey, “quedan
almacenados na nube para que o profesor poida consultalos cando
queira para puntuar ou para comparar”, así como para revisalos
posteriormente e analizar como está a evolucionar o alumnado. A
partires do rexistro das tarefas propostas, no intre da súa
avaliación a app presenta unha serie de “criterios fáciles
de observar” e aos que temo que ir respondendo afirmativa ou
negativamente para obter “unha avaliación, tanto global como
específica da mobilidade”, sinala Rey.
Malia
que se trata dunha ferramenta dirixida a docentes de Educación
Física, Alfamov foi deseñada coa idea de que “poida chegar ao
maior número de persoas”, podendo resultar de utilidade, como
sinala Rey, para adestradores e técnicos deportivos, persoal de
atención primaria e profesionais do eido sociosanitario que
traballan coa infancia, ou mesmo para que “pais e nais poidan
utilizala cun pequeno titorial que estamos desenvolvendo”. Con esa
idea, a aplicación vese acompañada dunha web con información do
proxecto e de diferentes materiais divulgativos sobre o seu
funcionamento, á vez que o equipo investigador traballa tamén na
súa difusión en congresos e publicacións científicas de
pediatría.