Investigadores da USC traballan nunha ferramenta que axuda a previr a ansiedade

mércores, 11 de outubro do 2023 S. P.

Investigadores da Universidade de Santiago traballan no desenvolvemento dunha aplicación móbil que quere proporcionar recursos e estratexias aos usuarios/as para evitar a ansiedade na poboación adulta. Trátase da ferramenta PrevANS. Segundo explica a USC, funciona botando man dunha “calculadora de risco” que, baseada nunha pequena enquisa, valora os factores de risco de cada persoa (problemas de saúde física, dificultades económicas ou insatisfacción co traballo) e indícalle a probabilidade que ten de padecer problemas de ansiedade no próximo ano.
A aplicación está a ser testada por un equipo no que participa persoal investigador da USC xunto ao Instituto de Investigación Biomédica de Málaga (IBIMA), da Universidade de Málaga, Universidade Loyola de Andalucía e da Universidade de Salamanca.
“A ansiedade é o problema psicolóxico máis frecuente na poboación e calcúlase que afecta a aproximadamente tres millóns de persoas en España. Ante esta situación e co obxectivo de evitar que estas cifras continúen en aumento nace PrevANS”, explican dende o equipo investigador no que participa Carmela Martínez Vispo do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC. O obxectivo último é avaliar a eficacia dunha intervención psicolóxica en liña personalizada para a prevención da ansiedade. “Trátase, en definitiva, de mellorar a saúde mental e fortalecer o benestar de calquera persoa”, afirman, engadindo que “neste momento estamos na fase de avaliar a eficacia da intervención e para iso necesitamos participantes que proben a aplicación para poder analizar posteriormente a súa efectividade e se esta nova ferramenta realmente é capaz de evitar a aparición de problemas de ansiedade”.
Para o devandito obxectivo, buscan 2.000 persoas de España e Portugal que estean dispostas a instalarse a aplicación no seu móbil, tablet ou computador. As persoas que desexen incorporarse como voluntarios/as deben facelo a través da páxina web do proxecto.
PrevANS é un proxecto financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) do Ministerio de Ciencia e Innovación. Enmárcase dentro da Rede de Investigación en Cronicidade, Atención Primaria e Promoción da Saúde e está avalado polo Comité de Ética pertinente.


PUBLICIDADE