Investigadores da USC publican un libro sobre o uso educativo dos videoxogos

xoves, 17 de marzo do 2022 S. P.

Estes días tiña lugar a presentación do libro Los videojuegos en la escuela, la universidad y los contextos sociocomunitarios, publicado pola editorial Octaedro. Trátase dunha escolma de experiencias relacionadas co uso educativo dos videoxogos e encamiñada principalmente á comunidade educativa (profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade; profesionais de institucións sociocomunitarias; familias e empresas relacionadas co sector dos videoxogos). Cómpre subliñar que un do obxectivos principais desta obra é favorecer un intercambio entre docentes e outros profesionais que axude a pór en marcha iniciativas caracterizadas pola utilización pedagóxica axeitada dos videoxogos.
Detrás das páxinas deste libro atopamos a Silvia López Gómez e Jesús Rodríguez Rodríguez (coordinación) ambos profesores do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), membros do grupo de investigación Stellae, do grupo de materiais didácticos Cavila (NEG) e do consello de redacción da Revista Galega de Educación.
O dito volume contén experiencias levadas a cabo nos últimos anos no contexto español e iberoamericano que amosan as posibilidades achegadas polos videoxogos na educación, que van desde a aprendizaxe de procedementos e estratexias até a motivación, a toma de decisións, a resolución de problemas e o desenvolvemento do pensamento computacional, entre outras.
Engadir que a obra está composta por 15 capítulos, ofrece traballos pertencentes ao eido escolar e universitario e aos contextos sociocomunitarios, nela participaron máis de 40 profesionais da educación.
Los videojuegos en la escuela, la universidad y los contextos sociocomunitarios está dispoñible para a súa compra por 9,99 euros

PUBLICIDADE