Investigadores da USC avanzan no deseño de nanomateriais intelixentes con vertentes prácticas nas TIC

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

Poucas tecnoloxías hai de tanto potencial de futuro e diversidade de aplicacións como a tecnoloxía do miúdo: a nanotecnoloxía. Estamos a falar dunha área de investigación con ampla potencialidade de uso en cousas como a produción agrícola, o tratamento de augas, a produción de enerxía alternativa, o control de pragas, a loita contra a contaminación atmosférica, o desenvolvemento de novos e eficaces fármacos ou o pulo de novas tecnoloxías da información. Cara a estas últimas aplicacións encamíñase, precisamente, o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolve o seu labor o equipo que vén de describir, por vez primeira, o control selectivo, independente e simultáneo tanto da elongación como do sentido de xiro dun polímero helicoidal.
O estudo, seleccionado como portada da revista Chemical Science, presenta vertentes prácticas tanto no ámbito dos sensores como en polímeros intelixentes que responden a diferentes estímulos. O traballo publicado, informa a USC, describe o primeiro exemplo dun polímero helicoidal dinámico que presenta unha nova propiedade, como é que tanto a súa elasticidade (grao de estirado ou compresión) como o seu sentido de xiro helicoidal (á esquerda ou á dereita) poden ser alterados á vez de modo selectivo e independente mediante a resposta do material a dúas propiedades do medio no que estea disolto (polaridade carácter dador/aceptador). “Isto quere dicir que un mesmo elemento pode adoptar catro estruturas helicoidais diferentes ao ser estimulado de xeito selectivo para elixir unha determinada configuración dous sentidos de rotación e dúas lonxitudes constituíndo así un sensor con catro posibles estados”, engaden fontes do centro.
O obxectivo final da investigación é o desenvolvemento de novos nanomateriais que, mediante a nova combinación de distintas propiedades (ópticas, condutoras, magnéticas), dean lugar a nanocápsulas e outros nanocompostos con comportamento multifuncional e con aplicacións nos eidos das tecnoloxías da información (almacenamento, novas tecnoloxías de visualización, novos biochips), a óptica (filtros), a química (novos procesos catalíticos) e o medicamento (sistemas de diagnóstico).
A autoría do traballo correspóndelle aos investigadores Seila Leiras, Félix Freire e José Manuel Seco, do Grupo de Emilio Quiñoá e Ricardo Riguera (este último recentemente premiado pola Real Sociedade Española de Química coa medalla Félix Serratosa). A investigación é a continuación de estudos anteriores publicados en Angewandte Chemie e Journal of the American Chemical Society e inseridos nunha liña de investigación enfocada ao desenvolvemento de sensores a partir de polímeros intelixentes que sexan quen de responder a estímulos externos.

PUBLICIDADE