Investigadores da UDC buscan xeolocalizar galegos por todo o mundo

venres, 16 de setembro do 2016 Redacción

Investigadores do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Universidade da Coruña (cartoLab), dirixido polo profesor Alberto Varela García, desenvolveron unha aplicación dixital denominada EMAPIC que partindo da idea de que todo pode ser representado nun mapa, mesmo as emocións das persoas, suma un proceso colaborativo de xeolocalización. Este proxecto xurdiu da inquedanza de querer facer un mapa da felicidade das persoas, para o que se pensou que o mellor era preguntar directamente á xente que pensaba e onde estaba.
Do desenvolvemento deste proxecto, dende este verán pasaron a realizar un proxecto de enquisas aos galegos, Mapa dos Galegos, sobre a súa opinión de Galicia identificando a localización dos usuarios no mapa mundial. O obxectivo deste mapa é ubicar a toda persoa que teña unha vinculación directa e clara con Galicia e poder visualizar o impacto de Galicia no mundo, para o que traballan en diversos algoritmos de análise xeoespacial para facer unha explicación da dispersión ou concentración de persoas con sentimento galego en distintos lugares do mundo. Até o momento, máis de 400 persoas de todo o mundo participaron no reto de localizar o maior número posible de galegos e galegas.
Mediante unha enquisa a través da web, calquera persoa con vínculos directos con Galicia pode localizarse nun mapa, respondendo ademais a unas preguntas sobre a súa vinculación con esta terra ou o que máis lle gusta dela.
Pese a que o 15% dos participantes declaran non ter nacido en Galicia, o 99% séntese galego sempre ou nalgunha ocasión. A paisaxe é o máis valorado de Galicia, especialmente entre os que viven na propia comunidade autónoma, pero tamén desde lugares como Brasil ou Perú. En Galicia tamén se considera a nosa cultura como algo de especial importancia, aínda que fóra non parece que se aprecie tanto. A xente, para o resto de España tamén é un aspecto a destacar de Galicia, mentres que os que están no estranxeiro tamén botan en falta a súa gastronomía.
A través de EMAPIC tamén podemos visualizar graficamente outros detalles curiosos como a afinidade dos consultados polo Celta ou o Deportivo, o que pode facilitar a divulgación desta ferramenta entre a cidadanía.

EMAPIC permítenos coñecer a distribución xeográfica dos seareiros do Celta e do Dépor

PUBLICIDADE