Investigadores cataláns gañan o concurso NCD Challenge que promove IBM

martes, 14 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Xa hai gañadores do concurso que convocan IBM e Novartis, NCD Challenge, co obxectivo de recoñecer os traballos máis salientábeis a nivel internacional en materia de e-saúde. Pois ben, segundo informa a multinacional informática, os gañadores son un grupo de estudantes da ESADE Business School Universitat Ramón Llull e un equipo de alumnos da Universidad de Caifornia. A achega catalá, cuxo nomé é Dr. Diabetes, consiste nun dispositivo de man, dando acubillo a unha aplicación e dous servidores na nube, que lles ofrece ás persoas que padecen a devandita doenza un mellor control e xestión do seu tratamento.
Asemade, informa IBM, o sistema posibilita o envío de datos acumulados aos médicos, “para que estes podan realizar diagnósticos precios, e máis ás compañías farmacéuticas e hospitais, co fin de lograr meirande eficacia en I+D”.
Os obxectivos da solución catalá pasan por acadar a máxima reducción no risco de complicacións e máis na porcentaxe relativa aos custes de tratamento. Dr. Diabetes, que polo de agora se vai pór en práctica en China, deseñouse de tal xeito que sexa posíbel adaptalo a outras doenzas non transmisíbeis.

PUBLICIDADE