Investigadoras do CITIC introducen na análise de datos ao alumnado de Oleiros

xoves, 26 de xaneiro do 2023 S. P.

Ana López-Cheda e Rebeca Peláez, investigadoras do CITIC (o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), impartiron o pasado 24 de xaneiro un obradoiro sobre análise de datos ante alumnado de 1º de bacharelato do IES Miraflores de Oleiros que participan no programa STEMbach.
Na sesión, as investigadoras realizaron unha introdución sobre a ciencia de datos e mostraron con exemplos as súas diferentes aplicacións. Tamén desenvolveron un exercicio para datos con censura sobre unha base de datos de pacientes COVID-19.
A actividade terá continuidade antes do remate do mes. De feito, fontes do CITIC avanzan que o vindeiro 31 de xaneiro impartirase outro taller neste centro educativo a cargo dos investigadores Ricardo Cao e Inés Barbeito.
O programa STEMbach, Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, foi creado ao amparo da Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, e ten o obxectivo de promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario.

PUBLICIDADE