Inveravante faise co 47,5% de Blusens

luns, 28 de abril do 2008 Marcus Fernández

José Ramón García amosando produtos da súa empresa

Inveravante, a corporación presidida por Manuel Jove Capellán, acudiu á ampliación de capital de Blusens Global Corporation (que engloba a Blusens Technology, Blusens Middle East e Blusens China) facéndose co 47,5% da empresa fundada por José Ramón García e Miguel Silva.
Trala ampliación de capital Blusens agardan chegar a unha facturación de 70 millóns de euros no presente ano e chegar aos 100 millóns en 2009, o que supón uns grandes pasos para unha empresa tecnolóxica galega que naceu dende cero en 2002.
José Ramón García, presidente executivo de Blusens, declarou que «esta nova estrutura de capital reforza as posibilidades da compañía para garantir o cumprimento destes obxectivos, que suscitan como medida principal a expansión internacional a partir de 2008, a que abordaremos dende unha empresa sólida e con idéntico management».
Este investimento de ata 16 millós de euros (en función do cumprimento do plan de negocio de Blusens) de Inveravante a través de Avantecapita sería a primeira operación no sector das novas tecnoloxías e respondería a un interese de diversificación da súa carteira de investimentos.

PUBLICIDADE