Internautas de quince países seguiron en directo o debate de clausura do Neuromagic 2012

venres, 11 de maio do 2012 Raquel Noya

A Illa de San Simón, tamén coñecida como Illa do Pensamento, acolleu nos días pasados un encontro de magos e neurocientíficos de primeira liña internacional, para poñer en común as súas achegas na materia, e afondar nunha liña de investigación común sobre os enganos da mente, denominada Neuromaxia.
O evento desenvolveuse entre o 7 e o 10 de maio, e na última xornada celebrouse un debate aberto a todo o mundo vía streaming, a través da web da Fundación Illa de San Simón e de destacados blogs de divulgación científica como Amazings, no que se puxeron en común os avances acadados durante as sesións de traballo dos días anteriores.
Esta actividade, moderada por Mariette Di Christina-Gerosa, editora xefe de Scientific American, a considerada “publicación máis importante do mundo”, foi seguida en directo por internautas de quince países de todo o mundo, que puideron presenciar, a continuación, unha exhibición de ilusionismo da man dos magos Apollo Robbins, James Randi, Kiko Pastur e Miguel Ángel Gea.
Os coordinadores do encontro, Susana Martínez-Conde e Stephen Macnick, destacaron que o encontro Neuromagic 2012 “supuxo un importante avance na liña de investigación que desenvolven dende o Laboratorio de Neurociencia Visual e o Laboratorio de Neurofisioloxía do Comportamento, no Barrow Institute (Phoenix, EUA) coa que revolucionaron a neurociencia cognitiva e causaron gran repercusión entre os profanos, ao achegar ao gran público ao campo a neurociencia espertando a súa curiosidade a través da maxia”.
O encontro serviu pois, a fin de contas, para unir dous mundos aparentemente distintos que, en realidade (e tal como os verdadeiros magos saben dende hai séculos), van e veñen da man.

PUBLICIDADE