Intermax achega cobertura de rede no Camiño Francés á súa chegada a Santiago

venres, 27 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Panel solar co que Intermax abastece de enerxía ás súas antenasA empresa de Melide Intermax, da que falamos recentemente para dar conta da súa arela de dar cobertura de rede alí onde as grandes operadoras non poden ou non queren chegar, vén de informar do remate con éxito da instalación dun novo tecido de antenas na contorna de Santiago de Compostela, dirixido a achegar servizos de acceso ao Camiño Francés (e aos seus arredores) á súa entrada no concello. Sobre este punto de subministrar servizo a peregrinos e veciñanza, cómpre sinalar que Intermax xa ten sobrada experiencia, achegando tecnoloxía propia de banda ancha en Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Triacastela, Samos, Sarriá, O Páramo, Paradela, Portomarín, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, o Pino e ata a capital galega, Santiago de Compostela.
Como nas ocasións previas, as actuacións levadas a cabo na contorna de Santiago diríxense a dar cobertura aos habitantes das chamadas zonas de sombra, que son os emprazamentos que, polo seu illamento e as condicións xeográficas, ficaban ata o de agora afastados das grandes actuacións de despregue de rede. Para solucionalo, Intermax procura e selecciona puntos estratéxicos para emprazar as súas antenas e dar cobertura en espazos onde a xa de por si enleada orografía galega se complica.
Isto, informa a empresa de Melide, é posible co emprego de tecnoloxía pioneira de alimentación eléctrica, a través dun modelo de subministro que mestura dúas fontes enerxéticas limpas e sustentables: a solar e máis a eólica. “Grazas a esta iniciativa”, engade a firma, “os responsables do establecementos do Camiño de Santiago, como son albergues, restaurantes, hoteis, bares e casas rurais, non teñen que desprazarse ata lugares onde poder conectarse a Internet para facer labores tan básicas do seu traballo diario, como dar de alta aos seus hóspedes sen ter que saír do seu negocio”.
Amais de rematar coas devanditas instalacións no Camiño de Santiago, preto xa da capital galega, Intermax ten neste intre mans o desenvolvemento no proxecto de axudas convocadas pola Xunta de Galicia, Extensión de redes de banda larga en zonas rurais, “que dotará a empresa gañadora, con parte dos fondos, para permitir a chegada de Internet de alta velocidade a máis de 11.000 núcleos de poboación que arestora carecen deste servizo na nosa terra”, informa a compañía de Melide.