Interban Network amosa en Vigo como encarar o desafío da dixitalización
mércores, 3 de maio do 2017
Estes
xoves 4 de maio o NH Collection Vigo vai acoller unha xornada sobre
recursos accesíbeis para incrementar as nosas posibilidades de
trunfar no mercado e, tamén, de adaptarnos aos novos xeitos
tecnolóxicos de facer as cousas. Trátase
do encontro 3 claves para o éxito da PEME e vén da man de
Interban Network (plataforma multicanle de recursos para
empresas), coa colaboración de entidades como a asociación
empresarial galega Ineo.
A
cita, inserida nunha xira estatal que se desenvolve ao longo de todo
ano, artéllase como se indica no seu epígrafe en tres bloques
temáticos: finanzas, mercadotecnia e vendas e recursos humanos.
Inclúe relatorios para “abordar retos e dificultades concretas”
do día a día as PEME, retos e desafíos que teñen que ver,
directamente, coa “nova era de medre e dixitalización” que
estamos a vivir.
Para
o bloque sobre finanzas contarase coa presenza de representantes de
Interban Network, Crédito e Caución, Bankia ou a Fundación Seur. O
ámbito da transformación tecnolóxica será abordado por Social
Brains e Exact Cloud Solutions España. Pola súa banda, Correos
Express debullará a cuestión da mercadotecnia e as vendas e o
experto en recursos humanos e adestramento, Mario López Guerrero,
falará sobre metodoloxías para sacar proveito do potencial dos
nosos traballadores.