Intel presentou varios modelos de UMPC que verán a luz en 2008

xoves, 20 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os fabricantes de equipos informáticos levan anos intentando impor unha nova modalidade de equipos de alta portabilidade coma os Tablet PC ou os UMPC coma o Origami, pero atopaban certos atrancos para conseguir a súa popularización, o que podería cambiar coas características que preparan para a seguintes xeracións destes dispositivos.
Así, durante o Intel Developer Forum amosáronse o que serán os novos ordenadores ultraportátiles, véndose terminais dos fabricantes Asus, Compal, Elektrobit, Inventec e Quanta, que incorporan os procesadores da plataforma Menlow e que esperan que se convertan en realidade na primeira metade de 2008.
Estes novos equipos permitirían levar a potencia dun ordenador persoal na palma da man, o que aínda podería ser máis prometedor tendo en conta que Intel anunciou que integrará conectividade Wi-Fi, 3G e WiMAX para mellorar a experiencia de uso dos futuros ordenadores que converterán en realidade o soño dos equipos sempre conectados (e en calquera parte), o que podería levar a unha revolución da banda larga móbil, xa que se facilitaría o seu uso sen accesorios adicionais e case calquera equipo.

PUBLICIDADE