Intel integra gráficas de AMD nos seus novos procesadores

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Hai un par de meses Intel adiantaba que estaba a traballar con AMD para integrar as súas gráficas discretas nos seus procesadores, e hoxe anuncian o lanzamento da 8ª xeración de procesadores Intel Core con gráficas Radeon RX Vega M, ou sexa, que agora será posible gozar desta solución integrada para afeccionados aos videoxogos, creadores de contidos e seareiros da realidade virtual e mixta, o que facilitará poder gozar de grande potencia gráfica especialmente en equipos de reducidas dimensións, como ordenadores portátiles ou os novos mini ordenadores da familia NUC.
Estes procesadores ofreceran en dúas configuracións: unha con procesadores Intel Core de 8ª xeración e gráfica Radeon RX Vega M GL, cunha potencia total de 65 watts, e outra máis potente, con gráfica Radeon RX Vega M GH, con 100 watts de potencia e configuración desbloqueada. Os procesadores de Intel teñen 4 núcleos, mentres que as gráficas veñen equipadas con 4 GB de memoria HBM2.
Intel asegura que, por exemplo, para a creación de contidos con Adobe Premiere Pro un equipo coa nova solución integrada funcionaría un 42% que un equipos de hai 3 anos cunha gráfica discreta, de xeito que temos tecnoloxía que mellora prestacións á vez que reduce tamaño e consumo, reducindo tamén a barreira para a realidade virtual (especialmente en equipos de pouco tamaño).

PUBLICIDADE