Intel felicita o aniversario de Stephen Hawking cunha peza de silicio de 300 mm personalizada

martes, 22 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Esta semana o senlleiro científico británico Stephen Hawking estivo de aniversario e a multinacional tecnolóxica Intel non quixo deixar pasar a oportunidade de felicitalo de primeira man. E fíxoo dun xeito que lle é propio: a través dunha oblea de silicio de 300 mm, como as que decote se empregan para a produción masiva dos chips da propia compañía. O agasallo en cuestión, todo hai que dicilo, era algo máis ca unha simple oblea de raizame mineral: amosaba no seu seo a mensaxe Feliz aniversario Stephen Hawking, inscrito con tecnoloxía de 32nm centos de veces (co fin, se cadra, de descartar calquera posibilidade de esquecemento por parte do científico, cousa por outra banda improbábel).
O galano foille entregado ao homenaxeado nunha cerimonia celebrada no Centro para a Cosmoloxía Teórica de Cambridge, do que Hawking é director de investigación e máis fundador. Para dar forma estas mensaxes, informa Intel, empregáronse as liñas de cobre a nanoescala, das que se adoitan a usar nos chips de baixa potencia e alto rendemento, como os que van incluídos nos smartphones máis recentes con tecnoloxía de Intel. Cada letra amosaba unha amplitude de dez nicróns, o que máis ou menos é dez veces menor cá anchura dun cabelo humano.
O obxectivo de Intel, con este agasallo, foi o de recoñecer as “contribucións científicas revolucionarias do profesor Hawking e a súa notábel teimosía como inspiración para todos”. Lembrar que o devandito centro de I+D que o científico británico dirixe conta no seu seo cun novo supercomputador con tecnoloxía de Intel, o Cosmos Mk IX, que se dirixe a tentar resolver algúns dos desafíos matemáticos máis complexos aos que se enfronta a comunidade de investigación cosmolóxica. Empregarase entre outras cousas para afondar nas orixes do Universo.

PUBLICIDADE