Intel explorará con Luxottica alternativas a Google Glass

xoves, 4 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que se comenta que o novo socio de Google para o desenvolvemento de Glass será Intel, esta compañía non parece querer quedar en mans alleas no sector dos wearables e vén de desvelar en Miami un acordo plurianual co grupo Luxottica (compañía que curiosamente tamén distribuirá as Google Glass) para crear tecnoloxía conectada que poida integrarse en lentes deportivas, de luxo e premium.
Esta alianza estratéxica busca dar un pulo á investigación e ao desenvolvemento neste ámbito no que a tecnoloxía ten moito potencial, e que podería ter un imporante impacto no xeito de empregar a tecnoloxía e de vivir a moda. Agárdase que o primeiro produto froito desta colaboración vexa a luz ao longo de 2015.
Dende Luxottica confían en que, ao non ignorar o deseño, poida conseguir que a integración de tecnoloxía dos marcos das lentes sexa posible combinar funcionalidade e unha boa estética, algo no que tenden a fracasar moitos dos produtos que intentan imporse no mercado, pero que non conseguen callar entre a poboación.

PUBLICIDADE