Intel e Sky permitirán ver escenas críticas de fútbol dende tódolos ángulos

xoves, 4 de xuño do 2015 Redacción

Intel vén de xuntar forzas con Replay e Sky para, sinalan, cambiar para sempre o noso xeito de ver o fútbol. E como vai ser isto? Pois para comezar, achegarán en Europa como primicia a posibilidade de asistirmos ás escenas máis críticas e cruciais dende todos os ángulos posíbeis. Como conclusión, remataron os debates que se xeran entre os seareiros dos dous equipos contrincantes arredor de cousas como un fóra de xogo que non fica claro ou un hipotético penalti. Así o conta Sky, provedor de televisión de pago para Alemaña e Austria, que vén de pór en marcha este proxecto piloto en Europa onde as novas tecnoloxías “inmersivas” permitirán desvelar o misterio que rodea calquera acción dos xogadores onde as cámaras tradicionais non dean chegado.
Esta nova técnica é posíbel grazas a FreeD, unha tecnoloxía de Replay, e á potencia de computación masiva proporcionada por Intel. FreeD, sinalan as empresas responsábeis do proxecto piloto, é quen de crear un fluxo de imaxes en 360 graos, ao “estilo Matrix”, que permite aos produtores de Sky amosar a acción “desde todos os ángulos imaxinábeis”, o que fornecerá tomas panorámicas onde a cámara “practicamente voa sobre unha escena ao mesmo tempo que a grava dende tódolos ángulos”. Isto lógrase mediante un conxunto de 32 cámaras 5K que están instaladas en todo o estadio e que filman o xogo na súa totalidade.
Toda esta cantidade de datos simultáneos de vídeo transfírense a unha serie de computadores con Intel Xeon E5 e Intel Core ? i7, que despois producen unha posición de cámara virtual a partir deste conxunto masivo de información. Ao fío da importancia de contar cos procesadores de Intel, a firma Sky fai saber que “a tecnoloxía FreeD non sería posíbel sen a potencia de computación masiva que Intel pon en xogo”. E engade: “Cada segundo, as 32 cámaras de todo o terreo de xogo xeran até 1 terabyte de datos de vídeo que precisa ser procesado en cuestión de segundos co obxecto de dar a Sky a capacidade de elaborar con eles a súa secuencia de vídeo”.

PUBLICIDADE