Instan ao comercio local da Cañiza a apostar polas TIC para fornecer a súa competitividade

mércores, 10 de febreiro do 2016 Redacción

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, mantivo esta tarde na Cañiza un encontro con empresarios no que informou do novo programa de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinado a promover a modernización comercial, o comercio electrónico e o smart commerce, aspectos que destacou como claves para reforzar a competitividade do comercio local.
Mediante esta convocatoria, á que se destinan máis de 3 millóns de euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 18 de febreiro, os comerciantes poden obter apoios de ata 17.500 euros ademais de para a modernización dos establecementos, para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio en liña e fóra de liña ou que empreguen as redes sociais para a venta, para páxinas webs comerciais, e para ferramentas que melloren a xestión e o deseño dos seus produtos e o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetaxe.
Tamén se poden beneficiar do programa os obradoiros artesáns, con axudas de ata 11.500 euros, as federacións de comerciantes, con ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles, e as asociacións profesionais de artesáns, que poden optar a axudas que superan os 39.000 euros para proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.
Ademais das axudas para fomentar o smart commerce, tamén están activa a convocatoria para fomentar a transmisión comercial, con prazo de presentación aberto ata o 31 de agosto, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.
A activación destes programas forma parte do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego.

PUBLICIDADE