Instagram permite a descarga de Reels

xoves, 23 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O compartir un Reel temos agora tamén a opción de Descargar

Dende Instagram confirman que unha das súas prestacións máis agardadas, dispoñible inicialmente en probas nos EE.UU., chega agora a todo o mundo: a descarga de Reels. A partir de agora, será posible que os vídeos en formato vertical cos que Instagram busca competir con TikTok poidan descargarse simplemente premendo un botón, operación que integra non vídeo unha marca de auga co logotipo de Instagram e o nome de usuario correspondente, como un xeito de acreditar a autoría e promocionar a plataforma, do mesmo xeito que fai tamén a aplicación de vídeo de orixe chinesa.
A marca de auga que se integra nos vídeos muda de posición ao longo do tempo, buscando así dificultar a súa eliminación, e permitirá que os usuarios que creen vídeos en Instagram poidan logo subilos a outras plataformas sen ter que recorrer a aplicacións de terceiros, aínda que non parece moi probable que nos vindeiros meses TikTok se inunde de vídeos creados en Instagram (mentres que Instagram si está cheo de vídeos creados en TikTok).
Lembremos que Instagram ten en conta as marcas de auga á hora de potenciar o contido na súa plataforma, ou sexa, que os vídeos creados en TikTok conseguen unha menor visibilidade en Instagram. Descoñecemos se TikTok pagará a Instagram coa mesma moeda tras a activación da funcionalidade de descargar Reels.

PUBLICIDADE