Instagram acepta convidados nos vídeos en vivo

mércores, 9 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O servizo de retransmisións de vídeo en directo dende o móbil de Instagram, moi na liña de Meerkat e Periscope, está a dar un importante salto de cara á súa socialización e popularización, xa que agora é posible engadir a un convidado durante as retransmisións, de xeito que, tras iniciar o directo chegará con premer ao botón de engadir para poder sumar ao vídeo a calquera das persoas que estea a seguir o directo, o que levará a que a pantalla se divida en dous amosando a ambos interlocutores á que que o resto de espectadores poderán seguir a comentar en tempo real.
Será posible eliminar ao convidado e engadir a outro en calquera momento, así como tamén compartir o directo como historia tras o remate do emisión ou simplemente descartalo, en función da difusión que se lle queira dar, pero resulta innegable que a posibilidade de poder sumar a outras persoas aos directos vai ser un importante incentivo para o uso desta plataforma, que facilita así dende a realización de vídeos con colaboradores até un contacto máis directo cos seareiros.

PUBLICIDADE