Innovación presenta un servizo para visar proxectos de colexiados a distancia

martes, 10 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Entre as moitas vantaxes que achegan á sociedade as novas tecnoloxías do coñecemento atópase unha de especial importancia para un país de poboación tan espallada polo territorio coma o noso: favorecen un escenario onde os procesos administrativos e as tramitacións poidan levarse a cabo a distancia e nas mellores condicións de comodidade e seguridade. Dito doutra maneira, a Rede evita unha chea de desprazamentos innecesarios. Neste ámbito de favorecer o traballo telemático é onde se enmarca precisamente o servizo presentado onte en Ourense pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela: un sistema de visado electrónico desenvolvido pola Consellería de Innovación para o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense. Veiguela, que a maiores estivo na cidade das Burgas participando na presentación do Centro de Coñecemento 2010 (do que falamos polo miúdo nesta mesma web), informou en detalle das vantaxes principais do sistema: pode ser configurado para os visados de calquera colexio oficial e permite visar traballos profesionais de xeito remoto a través da Internet.
A aplicación, que está hospedada no servidor Alicerce instalado no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), funciona do seguinte xeito: logo de que os colexiados soliciten ao colexio o visado dos seus traballos a través da zona privada da web desta entidade (solicitude feita a través do cumprimento dun formulario e incluíndo sinatura electrónica), os usuarios poderán saber en cada momento en que estado se atopa a súa petición. Esta, unha vez recibida polo colexio é sometida pola propia ferramenta presentada onte en Ourense a un proceso de verificación dos documentos, será logo obxecto de rexistro e revisión. No caso de que se lle dea a conformidade, informou a directora xeral, o sistema introducirá no documento os selos correspondentes cos datos do visado, marcando todas as follas do documento cun selo e sendo asinados electronicamente.
A directora xeral de Promoción Industrial fixo fincapé en que poder dispor desta ferramenta ao servizo de calquera colexio profesional que o solicite é froito da confluencia de tres liñas de acción: obxectivos claros no Plano Estratéxico, aposta pola creación de plataformas e desenvolvementos en Software Libre e colaboración cos diferentes organismos e colectivos.

PUBLICIDADE