Innovación premiará o mellor traballo xornalístico de divulgación científica ou tecnolóxica

luns, 5 de maio do 2008 Raquel Noya

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación, un galardón outorgado pola Consellaría de Innovación e Industria para incentivar a produción de textos científicos especializados en materia científica, investigación e desenvolvemento.
Con esta iniciativa, o goberno galego pretende darlle pulo ás actividades de divulgación do desenvolvemento científico e tecnolóxico levadas a cabo polos medios de comunicación galegos ou nas edicións para Galicia de medios estatais, ben sexa en soporte escrito, audiovisual ou electrónico.
O premio está dotado con 5.000 euros para o traballo gañador e con 2.300 euros para o segundo clasificado e os traballos poderán ser presentados a títulos individual ou en grupo.
Para avaliar os proxectos, Innovación terá en conta a súa adecuación temática ao obxecto do premio, a calidade xornalística, o rigor científico e a repercusión social do tema tratado. Así mesmo, valorará positivamente aqueles traballos que contribúan á difusión da importancia do potencial das mulleres no eido da investigación e das medidas de igualdade que cómpre implantar, así como que estea realizado en lingua galega. O xurado estará formado polo director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato, que exercerá como presidente, e por cinco vogais designados entre expertos no eido académico e profesional da comunicación e da ciencia.

Presentación telemática
A presentación dos traballos ao Premio de Xornalismo Científico presenta nesta edición a novidade de que pode facerse completamente telemática. As persoas que desexen participar deben realizar a súa solicitude en liña a través dos formularios que se atopan na páxina web da Consellería de Innovación e Industria e na da Dirección Xeral de I+D+i (sección Axudas). Unha vez cuberto o formulario, se a persoa solicitante dispón dun certificado dixital pode facer a presentación enteiramente telemática. No caso contrario, debe presentar a documentación no rexistro da Dirección Xeral de I+D+i ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O formulario de solicitude debe ir acompañado por unha copia do DNI, o currículo do autor ou autores e un exemplar do traballo que se presenta ao Premio. No caso do traballo, pode presentarse de xeito telemático ou ben fisicamente a través do rexistro, tendo en conta que o tamaño do arquivo para a presentación en liña non pode exceder os 7 megas.

PUBLICIDADE