Innovación pon en marcha a Rede de dinamizadores da Sociedade da Información

martes, 16 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Consellería de Innovación non quere estar soa no labor de convencernos de que as novas redes do coñecemento posibilitan un enriquecemento da nosa cultura e unha meirande capacidade competitiva do eido empresarial. Neste senso, considera fundamental a entrada en xogo dun equipo de persoas especificamente formadas no tecnolóxico e que cheguen ó máis recóndito de Galiza para informar das vantaxes das novas canles dixitais. Este é precisamente o cometido da Rede de dinamizadores da Sociedade de Información, proxecto da Consellería que foi posto en marcha este martes 16 de xaneiro de xeito oficial e que xa botou a camiñar nunha fase previa de desenvolvemento e preparación teórica a principios de 2006.
A iniciativa, que forma parte do PEGSI 2007-2010 aprobado polo Consello da Xunta o pasado mércores 10 de xaneiro, consiste en liñas xerais nun convenio da colaboración entre Innovación e 100 entidades para a formación práctica dos bolseiros dinamizadores, futuros encargados de acurta-la distancia que afasta a moitos galegos e galegas da Internet.

A índole destas entidades é ben diversa: concellos, asociacións culturais e de empresarios, e centros de desenvolvemento comarcal que están a poñer a disposición da Consellería recursos para a devandita aprendizaxe práctica (a teórica xa se levou a cabo).
Asemade, estas 100 entidades “comprométense a contratar ós bolseiros e bolseiras que tiveran ó seu cargo en caso de que a práctica fose satisfactoria”, informa Innovación. O proxecto da Rede de dinamizadores ten o seu xermolo “na existencia dunha importante dotación de aulas con infraestrutura suficiente para a realización de actividades relacionadas coa Sociedade da Información e que en boa parte dos casos están sendo infrautilizadas por non existiren profesionais dedicados a dinamizar o seu uso”, sinala o departamento da Xunta.
É así, polo tanto, como xorde a iniciativa de dinamizadores, orientada a favorecer o acceso dos cidadáns á Sociedade do Coñecemento, a darlle un novo pulo ás empresas a través da Rede e a informar dos empregos da Internet nos espazos rurais e máis afastados.

PUBLICIDADE