Innovación oferta 300 horas de formación en aplicacións de software libre

luns, 20 de outubro do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de lembrar que, das 1.500 horas que constituían o plan formativo que viña desenvolvendo dende o pasado xuño do 2007 en materia de software libre, aínda restan 300 horas de formación, que se levarán a cabo nos vindeiros meses de novembro e decembro en diversos puntos da xeografía galega.
A devandita Consellaría, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información mailo Cesga e Mancomún (Centro de Referencia e Servizos de Software Libre), investiron neste plan formativo un total de 72.884 euros, que fixeron posible o desenvolvemento dunha intervención formativa específica para PEMES e microPEMES así como outra divulgativa para a sociedade en xeral.
A intención destes organismos non é outra que mellorar os parámetros produtivos e sociais das empresas galegas introducindo e afondando no uso das ferramentas de software libre máis implantadas e complementándose coa formación en áreas menos desenvolvidas, pero de interese estratéxico para a mellora da súa competitividade. A intervención formativa tomará como empresa de referencia a microPEME e PEME do sector servizos, poñendo especial atención ás características propias do medio rural.
Coa oferta formativa á poboación en xeral, os responsables desta iniciativa pretenden “diminuír a fenda dixital achegando a sociedade da información á cidadanía a través destas ferramentas de software libre en galego”.
Até o de agora desenvolvéronse un total de 50 cursos en toda Galiza (Procesador de Textos, Bases de Datos, Construción de Páxinas Web, Comercio electrónico...), e para rematar as devanditas entidades ofertan, para os meses de novembro e decembro, os seguintes cursos nos seus respectivos lugares de celebración:


Bases de Datos

Sada do 24/11/08 ao 18/12/08

Camariñas do 24/11/08 ao 18/12/08


Contabilidade

San Sadurniño do 12/11/08 ao 17/12/08

O Barco de Valdeorras do 24/11/08 ao 18/12/08


Procesador de Texto

O Saviñao, Escairón do 17/11/08 ao 11/12/08


Comercio electrónico

Ribadeo do 12/11/08 ao 17/12/08


Marketing na Rede

Allariz do 11/11/08 ao 18/12/08


Construción de páxinas web

Centro Comarcal O Carballiño do 17/11/08 ao 11/12/08

Combarro, Poio do 17/11/08 ao 11/12/08


Facturación

Salceda de Caselas do 24/11/08 ao 18/12/08


A web oficial da Rede de Dinamización ofrece máis información relativa a estas actividades formativas (datas, horarios, lugares e contidos) así como a posibilidade de realizar a incrición en liña.

PUBLICIDADE