Innovación galega para xestionar o traballo da policía local de Cádiz
martes, 2 de setembro do 2008
O concello de Cádiz vén de adxudicarlle á empresa galega eLaboro SL, a implantación da súa aplicación
ePatrol, baseada no software libre, que xestiona tódolos procedementos
administrativos relativos á Policía Local ao longo de todo o proceso e en total
coordinación co conxunto de unidades administrativas relacionadas.
O servizo ePatrol (do que xa falamos noutras ocasións, cando foi
incorporado en cidades como Navarra
ou Tarragona), integra as últimas novidades nas tecnoloxías sen fíos como son o
GPRS, GPS e Wi-Fi, e permite empregar as PDAs como sistema de toma de datos e
consulta.
Asemade, o
devandito sistema permite incorporar de xeito progresivo os procedementos
administrativos (sancións, violencia doméstica, mantemento de parque móbil,
mobiliario urbano, incidencia nas vías, xestión de chamadas...) e tamén inclúe
a posibilidade de consultar os padróns de vehículos e habitantes, xeolocalizar
os axentes e os vehículos ou visualizar os rueiros e as normativas
administrativas.
En conxunto, 173
policías locais desenvolverán o seu traballo no concello andaluz coordinados e
en rede mediante o ePatrol.
A partires da
implantación do ePatrol, os responsables do concello gaditano pretenden
optimizar a xestión administrativa policial “coa mellor ferramenta posible”. A selección desta plataforma,
aseguran, “responde ao feito de ser unha
ferramenta potente e versátil”, construída a partires de software libre e
modulable.
Na actualidade, 3
persoas están dedicadas no concello gaditano, durante toda a xornada laboral, a
mecanizar as denuncias de tráfico e ordenanzas municipais. O software galego
permitirá que ese persoal cumpra outras funcións máis produtivas ao reducir o
tempo empregado para tal fin de 20 días a 2 minutos.