Innovación e a Mesa crearán unha base de datos de apelidos galegos coa súa normativa oficial

xoves, 11 de outubro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación maila Mesa pola Normalización Lingüística veñen de asinar un acordo de colaboración mediante o que sentan os alicerces para desenvolver varias aplicacións e contidos en Internet, de especial interese para a normalización do idioma e para a promoción da lingua e cultura galegas.
O convenio asinado inclúe un investimento de 56.050 euros que a Xunta achega para o desenvolvemento de diversas accións de normalización do idioma na Rede, así como para levar a cabo a dinamización da Sociedade da Información na nosa terra.
O acordo vai encamiñado tamén a “dispoñibilizar a través de Internet unha listaxe de 1.900 nomes propios de persoa en galego, de acordo coa normativa oficial, explicando a súa orixe e significado”. Deste xeito, a Mesa pola Normalización Lingüística elaborará unha aplicación web para a consulta de apelidos galegos, ofrecendo información da súa historia e, no caso de seren apelidos deturpados, a súa feitura correcta actual na nosa lingua, así como o procedemento para efectuar a restauración do mesmo.
Os representantes das dúas institucións aseguraron que antes de finalizar o presente ano 2007, “introduciranse nesta aplicación un mínimo de 200 apelidos”, cantidade que se irá incrementando progresivamente.
O convenio asinado hoxe (xoves, 11 de outubro) por Fernando Blanco e Carlos Callón contempla outras actuacións no eido da Sociedade da Información, como son a creación dunha base de datos en liña sobre lexislación lingüística, principalmente galega, estatal e europea; e a dixitalización e envorcado na Web dun importante caudal de vídeos, audios e textos sobre sociolingüística, historia da lingua galega e dinamización lingüística.
Pola súa banda, a colaboración de Innovación e Industria permitirá tamén localizar e dixitalizar 2.000 documentos de diversa natureza do arquivo da Mesa pola Normalización Lingüística, procedentes dos 21 anos de ininterrompida actividade desta organización cidadá; e desenvolver unha campaña divulgativa das novas ferramentas, que chegará a tódolos concellos galegos, centros de ensino medio e facultades.

PUBLICIDADE