Innovación e Industria achegará máis de 1,6 millóns euros en axudas para a aplicación do PEGSI

martes, 18 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria ven de seleccionar un total de 119 actuacións presentadas por distintas asociacións sen ánimo de lucro, organismos universitarios e entes de apoio a colectivos desfavorecidos, como beneficiarias das axudas para a difusión e desenvolvemento da Sociedade da Información.
A listaxe de organismos seleccionados pódese consultar na web da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e no portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).
A cantidade global das axudas da Consellaría ascende a máis de 1,6 millóns de euros, as cales, engadíndolle o investimento levado a cabo polas asociacións, suporán un investimento total de máis de dous millóns de euros.
A Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, repartirá máis de 585.000 euros en axudas públicas para a instalación de aulas de formación e para o equipamento informático das mesmas a un total de 49 entes solicitantes.
Outros 447.000 euros irán destinados a colaborar na organización de 24 eventos dedicados á promoción das novas tecnoloxías. Ademais, 281.000 euros serán investidos en xornadas de formación en TIC destinadas ós empregados de pequenas e medianas empresas (PEMES) do país.
Por último, os cursos dirixidos á cidadanía (120.000 euros), os ciclos de formación para colectivos desfavorecidos (131.000 euros) e as actividades formativas para especialistas en tecnoloxías da información e da comunicación (95.000 euros) completan o listaxe dos proxectos seleccionados.

PUBLICIDADE