Innovación destina dous millóns de euros a dinamizar a cooperación en I+D+i nas empresas

luns, 24 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vén de convocar no Diario Oficial de Galicia de hoxe, luns 24 de setembro, as subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, cun orzamento total de dous millóns de euros.
O obxectivo desta orde é sensibilizar sobre a importancia dunha axeitada xestión da innovación e crear dinámicas e competencias que permitan un mellor aproveitamento dos recursos de innovación nas empresas. Para elo, a convocatoria financiará proxectos, como xornadas ou obradoiros, que fornezan da estrutura e o clima básico precisos para unha implantación sistemática da innovación nas pemes e para desenvolver un maior grao de cooperación entre axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación.
Poderán beneficiarse desta convocatoria as empresas consultoras con especialización e experiencia demostrable na xestión da innovación e no fomento de accións de articulación do Sistema de Innovación e as organizacións sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia que teñan entre os seus obxectivos o fomento da investigación e a innovación e presten de xeito habitual servizos de apoio ás empresas.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partires de mañá martes 25 de setembro e os formularios están a disposición dos interesados nos seguintes enderezos:
www.conselleriaiei.org/dxidi ou www.xunta.es/servizos.

PUBLICIDADE