Innovación convoca 461 prazas para a contratación de científicos e tecnólogos

mércores, 13 de agosto do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de facer pública, a través do Diario Oficial de Galicia de hoxe, a convocatoria do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE), pola que se investirán 27.176.860 euros na contratación de 461 investigadores, tecnólogos e axentes de innovación no sistema público de investigación, desenvolvemento e innovación de Galicia.
A convocatoria completarase coa publicación da convocatoria de Recursos Humanos dirixida ao sector empresarial do Sistema Galego de I+D+i, que terá lugar no último trimestre do ano.
O obxectivo do Programa de Recursos Humanos é incrementar o persoal dedicado e especializado en actividades de I+D+i a través da formación e da consolidación dos postos de traballo.
Este establece dúas carreiras, a científica e a tecnolóxica, e estrutura cada unha delas en diferentes programas segundo a fase na que se atope o investigador ou tecnólogo.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de setembro e estas deberán deixarse no rexistro xeral da Dirección Xeral de I+D+i ou presentarse por calquera das formas previstas polo regulamento de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para máis información e para acceder aos formularios, as persoas interesadas poden consultar a sección de Convocatorias nesta ligazón.

PUBLICIDADE