Innovación anuncia un investimento de máis de 45 millóns de euros para a construción de catro centros tecnolóxicos en Galicia

xoves, 27 de decembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de asinar, neste mes de decembro, catro convenios de colaboración co Ministerio de Educación e Ciencia para o financiamento da construcción e ampliación de catro centros tecnolóxicos en Galicia: o Centro Tecnolóxico do Sector Lácteo (actual Aula de Produtos Lácteos, en Lugo), o Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes (no Porriño), o Centro de Investigacións Biomédicas (en Vigo) e unhas novas instalación para o Centro de Supercomputación de Galicia (en Santiago de Compostela).
Así o anunciou o conselleiro Fernando Blanco en Lugo, nun acto no que se presentaba un acordo para a construcción e equipamento das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela.
O investimento total que se fará na construción das catro infraestruturas científico-tecnolóxicas ascende a máis de 46 millóns de euros, dos cales algo máis de 25 millóns de euros cédense en forma de axuda a fondo perdido, con cargo a fondos FEDER e os 21 millóns de euros restantes cédense a modo de anticipo reembolsable.
Estas accións enmárcanse dentro do obxectivo prioritario do Plan Galego de I+d+i (INCITE) de articular o Sistema Galego de Innovación a través da creación e reordenamento de infraestruturas científico-tecnolóxicas que satisfagan as necesidades de I+D+i dos sectores estratéxicos para Galiza.

Novas instalacións para o Cesga
Segundo o convenio asinado pola Consellaría de Innovación e Industria co Ministerio de Educación e Ciencia e a Fundación CESGA, o MEC comprométese a cofinanciar, con cargo a fondos FEDER, a construción dun novo edificio para albergar o CESGA. O investimento total do proxecto é de preto de 20 millóns de euros, dos que case 14 son axuda directa e o resto anticipo reembolsable a devolver polo CESGA no prazo de dez anos a interese cero. O convenio entre a Consellaría de Innovación e Industria, o Ministerio de Educación e Ciencia e a Fundación Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) regula a construción dun novo edificio que permita a este último converterse en Centro de Excelencia en investigación sobre Ciencia Computacional e Simulación Numérica Aplicada.
A transformación do CESGA, que se fará en estreita colaboración coa comunidade investigadora galega e estatal, contempla a consolidación de dúas grand4es áreas de actividade; unha dedicada á investigación de excelencia, á que se incorporarán investigadores de prestixio cegados de institucións españolas e estranxeiras, e outra área correspondente a servizos, innovación e administración partido das unidades existentes no CESGA actual.

PUBLICIDADE