Inicia Coworking impulsou 20 firmas innovadoras de Lugo

mércores, 7 de xuño do 2017 Redacción

Este martes o Concello de Lugo fixo reconto dos resultados de Inicia Coworking, unha iniciativa de emprendemento e innovación desenvolvida coa Escola de Organización Industrial (EOI) e mediante a cal 20 novos empresarios locais tiveron oportunidade de impulsar cadanseus proxectos (contando de maneira gratuíta con apoio individual e personalizado) até convertelos en negocios. O balance veu da man da alcaldesa Lara Méndez, que lembrou que a primeira fase do plan Inicia, que se desenvolveu nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses, terá o seu “broche de ouro” este xoves, cunha gala no MIHL, na que os emprendedores exporán os seus proxectos ante o sector produtivo local, galego e estatal. Os actos, que contarán coa presenza do reputado economista Emilio Duró, desenvolveranse entre as 17:00 e as 22:15 horas. A alcaldesa salientou a “calidade e as posibilidades de futuro” das 20 start-ups, boa parte delas ligadas ás novas tecnoloxías e o turismo.
O reconto de Inicia Coworking contou tamén coa presenza ca concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a área municipal que coordina a iniciativa; a deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; o mentor dos proxectos emprendedores, Roberto Touza; e os emprendedores que tomaron parte na primeira convocatoria do programa; así como Rodolfo Ojea, xerente da Fundación CEL; Mauricio Repetto, presidente da Asociación de Empresarios Novos de Lugo; Beatriz Varela, presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo; e José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, entre outros representantes do mundo empresarial da cidade e da provincia.
Lara Méndez tamén informou de que está aberta a segunda convocatoria do Inicia Coworking, da que se beneficiarán outros 20 emprendedores. Os interesados poden solicitar a súa participación a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal, até o vindeiro 23 de xuño. Tamén lembrou que o vindeiro ano abriranse dúas convocatorias máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores. “Queremos reter en Lugo o talento dos lucenses, que é moito, como fica demostrado con esta iniciativa”, dixo, engadindo que nos últimos orzamentos o Concello destinou 5 millóns de euros a iniciativas vinculadas co fomento do emprego.
Pola súa banda, o mentor dos proxectos emprendedores, Roberto Touza, puxo en valor o traballo dos profesores que pasaron polo programa Inicia Coworking, “do talle de Andrés Pérez Ortega ou Javier Martín, de recoñecido prestixio a nivel nacional” e dos mentores, que prestaron un asesoramento persoal e individualizado.
Pola súa banda, a deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, felicitou ao Concello por esta iniciativa e o seu “rotundo éxito”, e tamén aos emprendedores. Tamén recordou que a Deputación de Lugo colaborou co Inicia Coworking a través da Fundación TIC coa elaboración dun vídeo promocional no que os propios 20 emprendedores beneficiarios desta primeira edición explican o seu proxecto. Este material audiovisual difundirase nas redes sociais e a través dos medios de comunicación, engadiu,
O Concello desenvolve o plan Inicia Coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria. Cun orzamento de 800.000 euros, fornecerase entre este ano e o 2018 de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

PUBLICIDADE