Informan en PO.CO.MA.CO. das axudas que a Xunta publicará nas vindeiras semanas

martes, 22 de xaneiro do 2019 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe no polígono de PO.CO.MA.CO da Coruña unha xuntanza cos empresarios para darlles a coñecer as actuacións da Administración autonómica para impulsar a economía local e desenvolver os retos desde o punto de vista da dixitalización, innovación e internacionalización.
A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a levar a cabo Conde co tecido empresarial galego para coñecer de primeira man as súas inquietudes e necesidades e intercambiar necesidades para seguir impulsando a competitividade industrial.
O obxectivo destes encontros é que ningún autónomo, empresa ou emprendedor teña que renunciar aos seus plans por falta de información ou de apoio. Deste xeito, o titular de Economía destacou que nos tres primeiros meses do ano poranse en marcha ata 30 ordes de axudas á disposición dos empresarios, autónomos, comerciantes e desempregados que sumarán máis de 100 millóns de euros.
Estas iniciativas estarán vinculadas a diversos campos como as TIC, a internacionalización empresarial, a promoción da eficiencia enerxética, a modernización do comercio local, a mellora das infraestruturas nos parques empresariais e o acceso ao solo industrial, o impulso do emprego e o fomento do emprendemento e a atención aos autónomos. Nas vindeiras semanas publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas para a consolidación de PEME de nova creación e de base tecnolóxica.

Galicia Inviste

O conselleiro tamén se referiu a programas cos prazos de solicitudes xa abertos como o Galicia Inviste que con 9 millóns de euros busca apoiar 140 novas PEME co financiamento que precisan para a realización de investimentos podendo cubrir ata o 30% do investimento no caso das pequenas empresas. Tamén se publicaron xa no DOG as axudas para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais e a creación de viveiros industriais e as do IGAPE para impulsar a dixitalización das PEME galegas, estas últimas cunha mobilización prevista de máis de 13 millóns. Neste último senso, PO.CO.MA.CO conta con infraestruturas avanzadas de banda ancha de máis de 100 Mbps, imprescindible para poder traballar coas tecnoloxías máis avanzadas. Así mesmo, salientou que xa están aprobados os apoios para impulsar a eficiencia enerxética en fogares, nas empresas do sector industrial, servizos e no agrícola que mobilizarán máis de 24 millóns.
Para rematar, o titular de Economía puxo en valor a Lei de implantación empresarial lembrando que facilita ao máximo a actividade das empresas a través da simplificación administrativa e con bonificacións fiscais que se amplían no caso de que as compañías estean asentadas en Concellos Emprendedores. Na provincia da Coruña existen na actualidade un total de 28 entre os que figuran Oleiros, Abegondo e Coirós.

PUBLICIDADE