Inforhouse, homenaxeada pola Asociación Área Empresarial do Tambre

xoves, 16 de decembro do 2021 S. P.

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) homenaxeará a vinte empresas que cumpriron vinte e cinco anos na Asociación do polígono industrial en 2020 e 2021. Trátase dun acto conxunto dos dous últimos anos, ante a imposibilidade que se presentou o pasado ano para facer un acto social por mor da pandemia. Entre as empresas homenaxeadas atópase unha firma histórica do eido das novas tecnoloxías da información: Inforhouse.
As compañías distinguidas en 2020 foron once: Arteal, Autocares Mosquera Bazar de Villar, Coregal, Dielectro Industrial, Excavaciones Hermanos Otero, Hijos de Rivera, Maderas Vázquez, Montelnor, Recambios Balsa e Sisrecon.
Mentres, as homenaxeadas en 2021 pola súa traxectoria profesional no polígono durante vinte e cinco anos suman nove compañías: Alquileres Reyca, Viaqua, Comercial Monte, Elidente, Ferlo, Inforhouse, J.B. Cao, Sondeos del Miño e Toldos Gómez.
A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro martes, 21 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:00 horas. O evento será presentado por Manuel Nieto, vicepresidente da asociación, que fará entrega aos homenaxeados dun diploma acreditativo e un pequeno agasallo. O acto estará presidido polo presidente de AAET, José Fernández Alborés, e contará coa asistencia de diversas autoridades, como o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, ademais de representantes das vinte empresas distinguidas.
Pioneira nos servizos TIC
Inforhouse fundouse en 1989 en Lalín, cando a informática comezaba “a ser peza fundamental para a xestión de procesos, especialmente tanto na incipiente Administración Autonómica como no segmento peme”, sinalan dende a patronal compostelá, poñendo o foco no papel despregado polo fundador da empresa, Alfonso Maceira. A asociación tamén destaca o importante crecemento experimentado pola empresa dende a súa orixe, cousa que se viu impulsada polo seu traslado a Santiago.Inforhouse apostou desde o inicio por un modelo que conxugaba o subministro de produtos, de solucións informáticas (hardware e software), coa prestación de servizos, como soporte de plataformas informáticas, de aplicacións empresariais ou desenvolvemento de software.
En 2005, cando Inforhouse xa se situara como unha das empresas líderes do sector TIC cunha destacada presenza na Administración pública galega, foi adquirida por Arcade Consultores, que fora fundada en 1994 e que dirixía o actual director xeral de Inforhouse, Vidal Díaz Cotón, empresa máis orientada cara o sector privado, en particular industrial, telecomunicacións e distribución. “A unión destas empresas baixo a denominación de Grupo Arcade Inforhouse, supuxo un crecemento exponencial”, destaca a asociación, facendo fincapé na súa pegada nos ámbitos da empresa privada e da administración pública, “alcanzando e manténdose entre as tres primeiras empresas galegas do sector, e a primeira en número de clientes empresariais, con máis de 1.200 empresas e organizacións que confían en Inforhouse todos os anos”.

PUBLICIDADE