Ineo pon as TIC a disposición dos empresarios galegos

luns, 22 de xuño do 2009 Raquel Noya

Ineo, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, na súa teima por axudarlle ás empresas doutros sectores a detectar novas oportunidades de negocio e acceder a novos mercados coa axuda das TIC, vén de anunciar a celebración da xornada Tic to market, un evento dirixido a pequenos e medianos empresarios galegos interesados en mellorar a competitividade das súas empresas a partir das solucións que ofrecen os expertos en novas tecnoloxías desta Asociación Multisectorial.
O evento, que terá lugar o vindeiro mércores, 24 de xuño, na sede de Ineo, en Vigo, dará acollida a representantes dos clusters galegos da madeira, da acuicultura e da enerxía, así como aos representantes das Plataformas Tecnolóxicas Galegas de cada un destes sectores.
Os relatores, que lles trasladarán aos asistentes cal é a situación actual das empresas de cada sector así como cales son os principais problemas cos que se atopan e as áreas nas que sería preciso realizar unha mellora tecnolóxica para aumentar a produtividade das empresas, informarán aos alí presentes dos proxectos de innovación que se están a desenvolver dentro de cada sector, e das posibles liñas de colaboración que poden establecerse entre o sector tecnolóxico e o resto de sectores.
Asemade, a xornada inclúe unha exposición das axudas e subvencións vixentes dirixidas á modernización tecnolóxica dos diferentes sectores e a forma na que as empresas poden acollerse a elas para subvencionar proxectos neste campo.
Por outra banda, ademais das exposicións informativas, os organizadores do evento teñen previsto un espazo no que os asistentes poidan entrevistarse individualmente cos relatores e obter asesoramento personalizado ao redor de cuestións nas que poidan ter especial interese. Para iso é necesario reservar previamente as citas enviando un correo electrónico á dirección atencionsocios@ineo.org .
Este enderezo de correo electrónico está protexido contra spam bots, e os usuarios deber ter o Javascript activado para poder velo. Tamén se pode solicitar a cita para a entrevista no teléfono 902 905 510 indicando o sector ou sectores cos que lles gustaría manter entrevistas.
A xornada terá lugar en horario de 09:30 a 13:30 e as mesas celebraranse de 13:30 a 14:30 horas do mesmo día.
A asistencia a este acto é totalmente de balde para os socios de Ineo, nembargantes precísase confirmación previa na devandita dirección de correo electrónico ou ben chamando ao teléfono 902 905 510.

Programa da xornada Tic to Market:

09:30 – 09:45 Recepción e entrega de documentación
09:45 – 10:00 Apertura da xornada a cargo de Jorge Cebreiros, presidente de Ineo.
10:00 – 10:45 O sector da madeira: necesidades, proxectos e innovación.
10:45 – 11:30 O sector da acuicultura e o mar: necesidades, proxectos e innovación.
12:00 – 12:45 O sector enerxético: necesidades, proxectos e innovación.
12:45 – 13:30 Axudas para proxectos no sector da madeira, da acuicultura e da enerxía.
13:30 – 14:30 Turnos de asesoramento en mesas individuais.

PUBLICIDADE