Ineo organiza este xoves un novo seminario sobre métodos axeitados para abrirmos mercado

martes, 11 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Francisco Javier Balbín, director de Comercio Exterior de Banco Sabadell, estará este xoves en Vigo para falar de diferentes métodos que temos ao noso alcance para romper fronteiras no eido empresarial e comercial cos nosos produtos e servizos tecnolóxico-dixitais. Balbín estará en Vigo da man da asociación TIC Ineo, no marco do seminario Negociar, contratar, exportar, cobrar, un encontro que se celebra este xoves 13 ás 11.45 horas no salón Galicia da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. A cita, que é de balde (dándonos de alta en comunicación@ineo.org), xirará arredor das posibilidades que temos de exportar os nosos produtos e servizos, facendo fincapé nos métodos máis eficaces e rendíbeis.
O seminario, como dixemos, vén da man de Ineo, que conta para esta actividade coa axuda da CEP e o financiamento do IGAPE. Diríxese o evento a tódalas persoas que participan no proceso de venta ao exterior (xerentes, equipos comerciais, responsábeis financeiros, persoal de administración) co obxectivo de darlles a coñecer as súas diferentes fases: dende a negociación até que finalmente se recibe o cobro. En definitiva, tratarase de responder ás seguintes preguntas:
Como se entrega a mercancía ou servizo?
Contratamos as coberturas axeitadas en canto a seguros ou risco de cambio?
Que medio de cobro empregarase?
Esta operación de exportación, contará co mecanismo de financiamento máis axeitado? Está previsto o xeito de resolver as desputas?
A idea de Ineo con este novo seminario profesional de internacionalización é dar resposta cumprida a estas e outras cuestións, todo achegado baixo un enfoque “eminentemente práctico” e seguindo unha premisa básica: non existe a venda até que non se cobra.

PUBLICIDADE