Ineo estrea canle en Twitter

xoves, 16 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial Ineo está a espallar a súa presenza na Rede 2.0 e nas súas diferentes comunidades. É nesta liña onde se insire a estrea de espazo propio en Twitter, novo vieiro de comunicación acabado de estrear co que a entidade galega con sede na Zona Franca de Vigo quere estreitar o contacto cos seus socios e, por extensión, con todo o tecido produtivo galego. En termos máis específicos, o obxectivo de Ineo (a día de hoxe integrada por máis de 80 empresas e achegando un volume de facturación que vai alén dos 250 millóns de euros) é informar en tempo real das novidades relativas á organización e ás súas empresas, así como dos principais eventos e novas do sector TIC. Por certo que Ineo tamén está de actualidade este xoves 16 pola celebración en Vigo do Encontro Empresarial do Sector TIC.
A xuntanza, como dixemos estes días, reúne no Hotel Pazo Os Escudos da cidade aos dirixentes das 14 asociacións que constitúen CONETIC (a confederación española de firmas deste eido de actividade) e a unha boa parte dos máis salientables representantes do tecido produtivo da innovación galega.
A xuntanza dará comezo coa actividade InnovaMeet, un apartado con vida propia que dará acubillo a diferentes encontros de breve duración entre os participantes nesta cita e co obxectivo de asentar os alicerces de colaboración a curto e medio prazo.
Por certo que o evento tamén contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros (na imaxe). Os tres encargaranse de valorar o potencial deste encontro (que se prevé o primeiro dunha serie longa) e de clausuralo oficialmente.
Tras a xuntanza, Ineo presentará o seu novo Plan Estratéxico 2011-2014 perante o seu Consello Consultivo, integrado polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia, Banco Sabadell Atlántico, Novacaixagalicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e as Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE